O C.I.M. da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín pon en marcha unha Campaña de sensibilización e prevención da violencia sexual, especialmente destinada á xuventude nas festas do Entroido
O C.I.M. municipal pon en marcha unha campaña de sensibilización e prevención da violencia sexual na Comarca de Verín. A campaña deste ano 2025 conta coa colaboración da hostalería da comarca, mediante o reparto de 500 adhesivos que se poñerán a disposición dos locais de ocio, co slogan “No Entroido Con-Sentimento” e información sobre os recursos de axuda. Tamén sairán tres mil chapas e adhesivos do Entroido, con mensaxes de concienciación sobre as violencias machistas.
A campaña conta cun videclip baseado no Entroido
Este ano o C.I.M. elaborou unha pequena curtametraxe cultural sobre o Entroido, na cal lanzan unha mensaxe á comunidade sobre o verdadeiro significado do Entroido e indicacións para vivir unhas festas cheas de goce e respecto. Unha curtametraxe na cal participan persoas oriúndas da comarca e que conta con imaxes moi distintivas da zona. Poderán ver esta curtametraxe nas páxinas dos concellos da comarca e tamén nas redes sociais do CIM e na canle de Youtube (@mancoverincim), onde o centro difundirá mensaxes educativos para a mocidade en relación á prevención das violencias sexuais.
https://www.youtube.com/watch?v=m9sDjT7NtUE
Colaboración cos locais de hostalaría da contorna
Este ano o CIM contou coa colaboración estreita de hostaleiros profesionais con recoñecida experiencia e coñecidos por todos e todas. “Sabemos que a xuventude gusta moito destes profesionais e buscamos a través deles facer chegar a nosa mensaxe”. Para o CIM é fundamental que a palabra “consentimento” e “relacións consentidas” calen na comunidade, especialmente na xuventude. Tamén resulta fundamental nas festas de maior afluencia de xente, contar cun protocolo claro e que nos locais de ocio saiban qué facer no caso de que aconteza unha situación destas características.
“Adhesivos de Entroido coa retranca “típica” da nosa comarca”
A Campaña Preventroido é unha campaña comarcal, deseñada para captar a atención da xuventude da nosa contorna. Así, xorden ideas como o slogan “No tempo do cocido, amor consentido”, unha mestura de orgullo polo noso rural, a nosa gastronomía, cultura e por suposto das nosas grandes festas do Entroido.
O centro poñerá a disposición dos centros educativos o material da campaña o “Día das Comadres”, cando os mozos e mozas comezan a vivir con máis intensidade estas festas tan sinaladas.
Trátase dunha iniciativa subvencionada polos Fondos do Pacto de Estado para a loita contra a violencia de xénero (Ministerio de Igualdade) e conta coa colaboración dos sete concellos da comarca.