ORDE do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axuda ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento TR341D, TR790A, TR341Q, TR353D e TR341R).
A finalidade deste Programa é a concesión de axudas dirixidas ás persoas autónomas xa consolidadas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para impulsar a mellora da competitividade dos seus negocios mediante investimentos relacionados directamente cos mesmos, segundo o disposto no artigo 43 desta orde.
Persoas beneficiarias e requisitos
Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas neste capítulo.
1. As persoas traballadoras autónomas de alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia de Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, que na data da solicitude teñan o domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos computados desde a data da solicitude, na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.
b) Que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas, declarados na declaración do IRPF anual referida ao ano 2023, inferior a 50.000 euros.
c) Que teñan unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2023.
2. As sociedades de calquera clase, incluídas as unipersonais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.
No suposto de persoas autónomas administradoras, terán a consideración de autónomo societario se forman parte da sociedade nunha porcentaxe igual ou superior ao 25 % da súas participacións ou igual ou superior do 33 % do seu capital, o que deberán acreditar fehacientemente mediante certificado do rexistro mercantil, escritura notarial ou calquera outro documento que recolla fidedignamente tanto a dita participación como a súa condición de persoa autónoma societaria con data anterior a presentación da solicitude.
b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído na declaración referida ao ano 2023.
c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2023, inferior a 50.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto do sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas este importe de 50.000 euros referirase á suma de todos os rendementos netos reducidos (rendementos da actividade económica da entidade solicitante), declarados no IRPF de cada un dos membros da entidade solicitante (modelo 184).
Liñas de axuda e contía da subvención
1. Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial das persoas beneficiarias deste programa, unha subvención do 60 % de cada unha dos investimentos a subvencionar, cun límite máximo de 7.000 euros totais de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta da persoa beneficiaria.
2. Esta axuda diríxese á mellora da competitividade, a través dos seguintes tipos de investimentos:
• Compra de maquinaria.
• Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.
• Inversións para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.
• Compra de utillaxe e ferramentas.
• Reforma do local ou espazo do negocio.
• Equipamento informático.
• Equipamento de oficina e/ou negocio.
• Rótulos.
• Aplicacións informáticas, creación e desenvolvemento de páxinas web, apps e redes sociais.
• Deseño de marca.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2025.