AXUDAS A PROXECTOS DE INVESTIMENTO EMPRESARIAL
13/01/2025
Amosalo todo

AXUDAS Á APICULTURA

ORDE do 12 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2025 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

Finalidade das axudas

1. Poderán ser obxecto das axudas, de acordo coa normativa comunitaria, aquelas actividades ou investimentos que estean recollidos no anexo I do Real decreto 906/2022, do 25 de outubro, e encamiñadas a acadar os obxectivos dos seguintes tipos de intervención:

I) Intervención 1. Servizos de asesoramento, asistencia técnica, formación, información e intercambio de mellores prácticas, en particular mediante actividades de colaboración en redes, para apicultores/as e organizacións de apicultores/as.

A esta intervención só poderán optar as cooperativas apícolas, organizacións representativas, agrupacións de defensa sanitaria (ADS) e asociacións de apicultores/as, con personalidade xurídica propia, na medida que os seus integrantes cumpran os requisitos recollidos no artigo 4 para ser beneficiarios, no sucesivo, agrupacións de apicultores/as (procedemento MR506B).

II) Intervención 2. Investimentos en activos materiais e inmateriais, así como outras accións, incluídas as destinadas a:

Intervención 2.1. Loitar contra os invasores e as enfermidades das colmeas, en particular, a varroose.

Intervención 2.2. Previr os danos ocasionados por fenómenos climáticos adversos e fomentar o desenvolvemento e a utilización de prácticas de xestión adaptadas a unhas condicións climáticas cambiantes.

Intervención 2.3. Repoboar as colmeas na Unión Europea, en particular mediante a cría de abellas.

Intervención 2.4. Racionalización da transhumancia.

Intervención 2.5. Investimentos en activos tanxibles e intanxibles.

III) Intervención 3. Actuacións para prestar axudas aos laboratorios na análise de produtos apícolas, a perda de abellas ou as caídas na produtividade, e de substancias potencialmente tóxicas para as abellas.

IV) Intervención 6. Promoción, comunicación e comercialización, incluídas as accións e as actividades de vixilancia do mercado destinadas, en particular, a sensibilizar os consumidores/as sobre a calidade dos produtos apícolas.

V) Intervención 7. Actuacións para aumentar a calidade dos produtos.

Este tipo de intervención só poderá ser solicitado por parte de agrupacións de apicultores/as de máis de 40.000 colmeas que leven a cabo actuacións de comercialización.

Persoas ou entidades beneficiarias e requisitos.

1. Poderán optar ás axudas:

a) As persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas que sexan integrantes de explotacións de titularidade compartida recollidas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias, con exclusión das administracións ou entidades do sector público.

Será requisito para a obtención das axudas:

1º. Levar realizando a actividade apícola con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude de axuda, fóra de quen iniciase a actividade a través dun cambio de titularidade de explotacións en estado de alta con anterioridade a esa data. Ademais, quedará exenta do requisito anterior a creación de figuras asociativas ou persoas xurídicas integradas por apicultores/as que o fosen antes do 1 de xaneiro do ano da presentación da solicitude, ou a creación de explotacións de titularidade compartida na que un dos membros fose apicultor ou apicultora con anterioridade a esa data.

No caso de fusións de explotacións xa existentes, considerarase a data de inicio da actividade a do/da titular con maior antigüidade.

2º. Seren titulares dunha explotación con máis de 15 colmeas para o caso das persoas apicultoras que soliciten a axuda a título individual, e con máis de 50, se solicitan axuda para realizar a transhumancia, sexan ou non persoas traballadoras autónomas.

3º. Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroose, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un Programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.

4º. Disporen dun seguro de responsabilidade civil das colmeas.

5º. Cumpriren as previsións contidas no Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas.

6º. Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida ao 31 de decembro de 2024 antes do día 1 de marzo de 2025.

As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas.

b) As agrupacións de apicultores/as, na medida que as súas persoas socias ou persoas asociadas beneficiarias das axudas cumpran cos requisitos establecidos na letra a) anterior.

Ademais, para ser beneficiarias, a solicitude de axuda deberá incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.

2. Só poderá solicitarse axuda para a execución dunha acción determinada sobre unha mesma colmea, unha única vez por campaña apícola, independentemente de se a persoa solicita esa axuda a título individual ou como integrante dunha cooperativa ou agrupación de produtores.

Non obstante, as persoas apicultoras incluídas na solicitude de axuda presentada por unha agrupación de apicultores/as, ben sexa para unha ou varias accións, non poderán solicitar a axuda como integrante doutra agrupación.

De ser o caso, soamente se terá en conta esa persoa apicultora na solicitude da agrupación de apicultores/as que a inclúa como beneficiaria naquela acción que ocupe o primeiro lugar atendendo á orde de prelación que se establece no artigo 10.1 desta orde de axudas.

3. Non poderá ser considerada persoa beneficiaria un solicitante para quen se demostre que creou artificialmente as condicións exixidas para cumprir os criterios de admisibilidade ou de prioridade establecidos no Real decreto 906/2022, tal e como se establece no artigo 62 (relativo a medidas antievasión) do Regulamento (UE) 2021/2116, do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de febreiro 2025

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250120/AnuncioG0426-121224-0009_gl.html
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MR506A&ano=2025&numpub=1&lang=gl
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MR506B&ano=2025&numpub=1&lang=gl