AXUDAS A STARTUPS

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a startups para o ano 2025 e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408G).

Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia.

Consideraranse startups, de acordo coa definición contida no artigo 3 da Lei 28/2022, do 21 de decembro, de fomento do ecosistema das empresas emerxentes, toda persoa xurídica, incluídas as empresas de base tecnolóxica creadas ao amparo da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, que reúna simultaneamente as seguintes condicións:

a) Ser de nova creación ou, non sendo de nova creación, cando non transcorresen máis de cinco anos desde a data de inscrición no Rexistro Mercantil, ou Rexistro de Cooperativas competente, da escritura pública de constitución, con carácter xeral, ou de sete no caso de empresas de biotecnoloxía, enerxía, industriais e outros sectores estratéxicos ou que desenvolvesen tecnoloxía propia, deseñada integramente en España, que se determinarán a través da orde á que fai referencia o artigo 4.1.

b) Non xurdir dunha operación de fusión, escisión ou transformación de empresas que non teñan consideración de empresas emerxentes. Os termos concentración ou segregación considéranse incluídos nas anteriores operacións.

c) Non distribuír nin ter distribuído dividendos, ou retornos no caso de cooperativas.

d) Non cotizar nun mercado regulado.

e) Ter a súa sede social, domicilio social ou establecemento permanente en España.

f) Ter ao 60 % do persoal cun contrato laboral en España. Nas cooperativas computaranse dentro do persoal, para os únicos efectos da citada porcentaxe, os socios traballadores e os socios de traballo, cuxa relación sexa de natureza societaria.

g) Desenvolver un proxecto de emprendemento innovador que conte cun modelo de negocio escalable, segundo o previsto no artigo 4.

Cando a empresa pertenza a un grupo de empresas definido no artigo 42 do Código de Comercio, o grupo ou cada unha das empresas que o compoñen deberá cumprir cos requisitos anteriores.

2. Para acceder a estas axudas, as startups deberán cumprir, ademais, polo menos, unha das seguintes condicións no momento de solicitar a axuda:

– Dispor da certificación de ENISA prevista na Lei 28/2022.

– Acreditar a cualificación de iniciativa de emprego de base tecnolóxica da Xunta de Galicia (EIBT).

– Ter participado nalgún proceso de aceleración en iniciativas con participación pública da Xunta de Galicia no seu desenvolvemento (Viagalicia, BFAuto, BFAero, BFFood, BFClimatech, Turislab, Galicia Avanza).

– Acreditar mediante certificado para o efecto emitido polo centro de orixe o carácter de Spin-off das universidades, dos centros de FP ou de centros tecnolóxicos.

– Estar inscritas no Rexistro de Pemes Innovadoras do Ministerio de Ciencia e Innovación.

– Dispor da certificación EA 0047:2015 ou EA 0043:2015 de peme innovadora ou xove empresa innovadora, respectivamente.

– Dispor da marca EIBT de empresa innovadora de base tecnolóxica outorgada pola Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación (ANCES).

Condicións e conceptos subvencionables

1. Poderá ser subvencionables calquera gasto ou investimento nos que incorra a startup desde o 1 de xaneiro de 2025 ata a data da solicitude de axuda, que estean vinculados coa actividade da startup en Galicia. O importe mínimo subvencionable deberá acadar 10.000 €.

Os investimentos en activos fixos, materiais ou inmateriais, deberán ser novos, adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria e deberán ser adquiridos a terceiros.

Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Os investimentos deberán manterse na empresa beneficiaria durante un período mínimo de 2 anos contados desde a data da resolución de concesión da axuda.

2. Non serán subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.

3. En ningún caso os gastos e investimentos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

Intensidade de axuda

Concederase unha axuda do 100 % ata un máximo de 20.000 € para os gastos e investimentos realizados (facturados e pagados) pola startup durante o período subvencionable.

No caso de gastos periódicos de pagamento por períodos superiores ao subvencionable, só será subvencionable a parte proporcional correspondente ao período subvencionable, é dicir, entre o 1 de xaneiro de 2025 e a data de presentación da solicitude de axuda.

O prazo de presentación de solicitudes iníciase ás 9:00 do 20 de xaneiro de 2025 e remata ás 14:00 do 30 de setembro de 2025

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=IG408G&ano=2025&numpub=1&lang=gl
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250113/AnuncioO92-101224-0005_gl.html