Axudas para a posta en marcha de casas do maior

ORDE do 7 de maio de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2024 e 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A).

Características dos proxectos

1. A casa do maior perfílase como unha fórmula de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal destinada a contribuír á atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia reconducíndose de xeito específico ás recoñecidas no grao I, así como para persoas maiores de 60 anos sen dependencia.

Non poderán ser persoas usuarias aquelas que precisen de atención e coidados sanitarios continuados ou sufran enfermidades infectocontaxiosas en fase activa sen tratamento efectivo instaurado, trastornos adictivos que precisen dun tratamento de deshabituación ou trastornos condutuais severos que impidan a normal convivencia na casa.

O servizo que se preste ás persoas usuarias comprenderá a atención diúrna específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e tempo libre, de forma que se procure o seu mantemento no medio social habitual evitando o internamento noutro tipo de recursos cando non sexa demandado ou cando non exista preto do seu domicilio habitual.

Deseñarase e organizarase un ambiente e trato familiar, no cal se dea resposta ás necesidades derivadas da idade e da situación de dependencia das persoas usuarias, co fin de evitar e/ou atrasar a institucionalización de persoas maiores, reducindo a súa dependencia e illamento sociais.

2. A atención diúrna prestada ás persoas usuarias comprende a manutención, a hixiene, o desenvolvemento de actividades de lecer e/ou adestramento cognitivo.

As persoas usuarias da casa do maior decidirán voluntariamente se fan uso do servizo de manutención. As persoas físicas ou cooperativas de traballo promotoras da casa do maior poderán facturar por este servizo un máximo de 7 euros por persoa e día, sempre que se realice un servizo completo. Para estes efectos, con anterioridade ao ingreso na casa do maior, deberán informar as persoas usuarias das condicións esenciais deste.

Así mesmo, se a persoa física ou cooperativa de traballo promotora da casa do maior opta por engadir o servizo de desprazamento das persoas usuarias ata ela, percibirá unha axuda adicional da Xunta de Galicia, a razón de 10 euros por persoa e día. Para estes efectos, deberá achegar unha declaración responsable en que manifeste a súa vontade de prestar o servizo de desprazamento, no caso de que as persoas usuarias quixese facer uso del.

3. Estes proxectos teñen, sen prexuízo do establecido para o servizo de manutención, carácter gratuíto e prestaranse de luns a venres durante todo o ano, excepto os días festivos e un mes de cada doce, en que a casa do maior permanecerá pechada por vacacións.

O mes de vacacións poderá fraccionarse en dous períodos. Excepcionalmente, cando por causas de forza maior, xustificadamente e de acordo coas persoas usuarias, se demanden períodos vacacionais de duración inferior, deberanse solicitar previamente á Consellería de Política Social e Igualdade e contar coa autorización desta.

4. Salvo as excepcións previstas no número anterior, o proxecto da casa do maior debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a persoa que desenvolve o proxecto no caso de enfermidade desta ou algunha situación de emerxencia.

5. As persoas maiores usuarias poderán acudir ao centro un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará coa persoa profesional encargada do desenvolvemento da casa do maior. En función do horario establecido, servirase a comida, o almorzo e/ou a merenda, segundo proceda.

6. Cada casa do maior terá un máximo de 5 prazas.

As persoas maiores que acudan á casa do maior deberán estar en todo caso empadroadas no concello en que esta se situara ou nun limítrofe que non conte con servizos de atención diúrna a persoas maiores.

7. Para acceder ao financiamento previsto nesta convocatoria é necesario que se atenda un mínimo de 1 e un máximo de 5 persoas maiores.

Para estes efectos, non se terá en conta o período de tempo que transcorra para a adxudicación da praza á persoa usuaria, así como o establecido entre a notificación da adxudicación desta e a ocupación efectiva dela.

8. O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será de 5 anos contados desde a data de posta en marcha da casa do maior.

Para estes efectos, entenderase como data de posta en marcha a data de resolución de concesión da axuda concedida ao abeiro desta convocatoria ou a data de cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos casos de concesión condicionada.

Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior alleas á vontade da persoa promotora da casa do maior impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas nos números anteriores.

Persoas beneficiarias das axudas económicas

1. Poderán ser beneficiarias das axudas da presente convocatoria as persoas físicas que se establezan como empresarios autónomos ou que constitúan cooperativas de traballo asociado, como promotoras da posta en marcha dunha casa do maior, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:

1º. Grao en Medicina.

2º. Grao en Enfermaría.

3º. Título de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, polo que se establece o título de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría e as correspondentes ensinanzas mínimas, ou os títulos equivalentes de Técnico Auxiliar de Clínica, Técnico Auxiliar de Psiquiatría e Técnico Auxiliar de Enfermaría, que se establecen no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo, se é o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

4º. Título de Técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, polo que se establece o título de técnico de atención a persoas en situación de dependencia e se fixan as súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente de Técnico de Atención Sociosanitaria, ou, se é o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

5º. Título de Técnico Superior en Integración Social, establecido polo Real decreto 1074/2012, do 13 de xullo, polo que se establece o título de Técnico Superior en Integración Social e se fixan a súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente para aqueles profesionais que na data de publicación desta convocatoria estean traballando na categoría profesional de asistente persoal ou auxiliar de axuda a domicilio.

6º. O certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen dous certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos socioculturais e á comunidade que se engaden no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, ou, se é o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

7º. O Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou o equivalente Certificado de profesionalidade da ocupación de auxiliar de axuda a domicilio, ou, se é o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

8º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.

9º. Habilitación para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regulada pola Orde do 19 de novembro de 2018 pola que se regula o procedemento de obtención das habilitacións para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento BS800A).

b) Residir en concellos con menos de 5.600 habitantes que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, nos cales se promova o establecemento da casa do maior, ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha do proxecto.

c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na letra anterior, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da casa do maior.

O inmoble deberá contar coas condicións arquitectónicas, de deseño e construción que garantan o cumprimento das normas en vigor, especialmente o Código técnico da edificación e as súas exixencias básicas. Así mesmo, estará dotado dos seguintes recursos:

1º. Instalación de auga corrente. Os centros disporán de auga corrente procedente da rede de abastecemento público ou de calquera outra fonte que cumpra a normativa técnico-sanitaria vixente.

2º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da actividade subvencionada e conte coa protección de elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto ou outros riscos para a integridade das persoas maiores.

3º. Estancias que deberán dispoñer de ventilación e iluminación natural.

Exceptúanse destes requisitos os cuartos de baño, en que a ventilación pode ser natural ou forzada.

4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada cos elementos necesarios para prestar o servizo de manutención.

5º. Unha zona de comedor habilitada para o efecto.

6º. Unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene, que deberá contar:

6º.1. Cunha sala de estar para a realización de actividades individuais ou grupais, que posibilite a convivencia e a participación social. A súa superficie nunca será inferior a 12,5 metros cadrados e deberá dispoñer de iluminación e ventilación natural.

6º.2. Como mínimo con dous servizos hixiénicos diferenciados, un para cada sexo, que contarán cunha dotación mínima de lavabo e inodoro. Un dos servizos hixiénicos deberá contar cunha ducha. Deberán estar dotados de axudas técnicas en paredes e sanitarios, así como timbre de chamada con conexión ás zonas comúns. O chan será antiescorregadizo e de doada limpeza e as portas terán un dispositivo fácil de peche e apertura.

Ambas as zonas deberán estar situadas preferiblemente en planta baixa ou planta primeira con fácil acceso ao exterior e ser accesibles.

7º. Barras, axudas e timbre, que faciliten a accesibilidade ás persoas usuarias da casa do maior.

8º. Zonas de acceso axeitadas ás persoas usuarias de andador e cadeiras de rodas, así como axeitadas ao servizo de transporte adaptado.

9º. Un mobiliario e equipamento que permita a cobertura das necesidades e características específicas das persoas maiores usuarias.

10º. Dispoñer dun plan de actuación coas persoas maiores para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa do maior.

d) Acreditar unha revisión médica anual da persoa promotora ou da/das persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto, no caso de cooperativa de traballo asociado. No caso de cooperativas de traballo asociado esta revisión médica deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

e) Dispoñer dun certificado de manipulador de alimentos. No caso de cooperativas de traballo asociado este certificado deberá estar referido á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

2. No caso de posta en marcha de dúas casas do maior nun mesmo inmoble poderán compartir acceso de entrada, a zona de preparación de alimentos e os servizos hixiénicos diferenciados.

3. En relación coas persoas promotoras da casa do maior ou coa/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto, no caso de cooperativa de traballo asociado, os requisitos establecidos na letra a) do número 1, a excepción do ordinal 8º, así como o certificado médico acreditativo do estado de saúde, deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En canto ao requisito establecido no dito ordinal 8º, a persoa promotora da casa do maior ou a/as persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto, no caso de cooperativa de traballo asociado, deberá comprometerse, mediante a emisión dunha declaración responsable nos termos previstos no artigo 10, á súa realización nun prazo máximo de 6 meses desde a entrada en vigor desta orde.

O resto dos requisitos previstos no número 1 deberán acreditarse no prazo de catro meses desde a recepción da resolución de concesión da subvención.

Todos os requisitos previstos no número 1 deberán manterse durante o período de permanencia da actividade.

Respecto das cooperativas de traballo asociado, de non estaren constituídas no momento de presentación da solicitude, deberán ter iniciados os trámites para a súa constitución con anterioridade á súa presentación. Neste caso, deberán achegar coa solicitude a documentación acreditativa correspondente aos estatutos, a solicitude de cualificación previa destes ou a solicitude de inscrición no Rexistro de Sociedades Cooperativas.

Así mesmo, as persoas promotoras da casa do maior deberán acreditar, mediante declaración responsable, que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas ao abeiro desta orde.

O prazo de presentación de soliciudes remata o o 24 de xuño de 2024

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240523/AnuncioG0762-080524-0001_gl.html
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS212A&ano=2024&numpub=1&lang=gl