SUBVENCIÓN PARA A CONTRATACIÓN PERSOAS MOZAS MENORES DE 30 ANOS

ORDE do 6 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR353C).

Esta convocatoria ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2024 de subvencións para a contratación por conta allea, que realicen as empresas e persoas empregadoras, para facilitar a mozas e mozos menores de 30 anos en situación de desemprego unha primeira experiencia profesional mediante contratos formativos (código de procedemento TR353C).

Por medio desta convocatoria, as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación de menores de 30 anos a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: programa de prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, consonte o establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.

b) Liña 2: programa de formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se realicen con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán subscribirse con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional regulada no punto 3.a). Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.

Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa:

– As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos para a obtención da práctica profesional.

– As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos de formación en alternancia.

2. Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa.

3. Serán subvencionables nas modalidades de contrato para a obtención de práctica profesional e de contrato de formación en alternancia tanto as novas contratacións como as contratacións realizadas con anterioridade á solicitude de axudas, sempre que se cumpran todos os requisitos recollidos nesta orde.

O período durante o que se teñen que producir os contratos formativos para que sexan subvencionables será desde o 1 de decembro de 2023 ata o 15 de outubro de 2024.

4. No caso de novas contratacións, o período máximo para realizalas rematará aos vinte días hábiles seguintes ao da recepción da notificación da concesión da axuda e, en todo caso, o 15 de outubro de 2024.

5. Igualmente, serán subvencionables ao abeiro deste programa os incentivos á formación en competencias brandas de cada unha das persoas que sexan contratadas ao abeiro desta convocatoria cunha duración mínima de 50 horas.

6. O número máximo de contratos que se van subvencionar por cada persoa ou entidade solicitante establécese en 5.

Contía das axudas

1. A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de:

a) Incentivo á contratación por 12 meses a xornada completa:

a.1. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.

a.2. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.

a.3. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.

b) Incentivo á formación: por cada persoa moza contratada, para a impartición dun programa formativo en competencias brandas, cunha duración mínima de 50 horas:

b.1. 1.700 € para formación presencial, IVE excluído.

b.2. 850 € para teleformación, IVE excluído.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2024.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240522/AnuncioG0767-070524-0006_gl.html
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR353C&ano=2024&numpub=1&lang=gl