Axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma

ORDE do 2 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR341R).

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das axudas á conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341R).

2. Estas bases establecen os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que contraten unha persoa traballadora, ben sexa para apoio no negocio durante o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento ou a transformen en indefinida posteriormente, ben sexa para apoio no coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, segundo o disposto nesta orde. Así mesmo, subvencionarase unha parte do custo dos centros e/ou servizos para o coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia.

3. As axudas irán dirixidas á contratación no período subvencionable, que comprende do 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024, dunha persoa traballadora para a substitución da persoa autónoma no seu negocio nos casos de maternidade ou paternidade, unha vez iniciado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.

Tamén se apoia a contratación dunha persoa traballadora para a substitución da traballadora autónoma no caso de baixa por risco durante o embarazo ou a lactación.

Igualmente, incentívanse os contratos indefinidos realizados coa mesma persoa contratada para substitución, unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento (Bono autónomo Concilia I).

4. As axudas diríxense tamén á contratación indefinida, no período subvencionable, que comprende do 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024, dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) ao seu cargo, independentemente de que existisen ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas (Bono autónomo Concilia II).

5. Igualmente apoiaranse os gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) a cargo da persoa autónoma, realizados no período subvencionable, que comprende do 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024 (Bono autónomo Concilia III).

O prazo de presentación de solicitude remata o 29 de setembro de 2024.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240124/AnuncioG0656-030124-0001_gl.html
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR341R&ano=2024&numpub=1&lang=gl