AXUDAS AOS SERVIZOS MODULARES DE ASESORAMENTO ESPECIALIZADO A EMPRESAS GALEGAS PRESTADOS POR ENTIDADES COLABORADORAS (PROGRAMA RE-ACCIONA)
RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (programa Re-acciona), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG402A).
Proxectos obxecto de apoio
1. Estas bases teñen como obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas destinadas a facilitar a execución dun conxunto de servizos profesionais por parte de entidades colaboradoras previamente seleccionadas mediante Resolución do 12 de decembro de 2023 (DOG nº 241, do 21 de decembro).
2. Os servizos para os que se poderá conceder axuda en especie consistentes na execución de servizos para a súa realización en empresas galegas están integrados nas seguintes categorías, descritas polo miúdo no anexo III da devandita Resolución do 12 de decembro de 2023 (DOG nº 241, do 21 de decembro):
Profesionalización e desenvolvemento estratéxico:
– Servizos de análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora.
– Servizos de desenvolvemento estratéxico integral da empresa.
– Servizos de análise do cumprimento normativo e os riscos legais (Compliance).
– Servizos de captación, fidelización e xestión de talento.
– Servizos para o desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG.
– Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento.
– Servizos de circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística.
– Servizos de asesoramento para o relanzamento comercial.
– Servizos de preparación de procesos certificables.
– Servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras.
Innovación:
– Servizos de deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.
– Servizos de protección da innovación.
– Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación.
3. As pemes poderán solicitar axudas para a prestación dun ou varios servizos ata un máximo de 2 servizos por peme beneficiaria. Ademais, as pemes non poderán solicitar un servizo do mesmo tipo que outro xa solicitado anteriormente, agás que renuncie ao anterior ou que a súa prestación xa estivese finalizada.
Así mesmo, atendendo á necesidade de dedicación por parte da peme que implica o desenvolvemento da prestación, non se permitirá a prestación simultánea de máis dun servizo. No caso de que unha peme teña concedido máis dun servizo, os servizos desenvolveranse secuencialmente, na orde que resulte da resolución da solicitudes.
4. Os servizos adaptaranse en cada unha das prestacións á realidade da peme destinataria. Para este efecto, deberán establecerse inicialmente os parámetros de cada un deles: priorización de necesidades, alcance do traballo e ámbitos complementarios necesarios.
O Igape ten publicada na súa páxina http://reacciona.igape.es a relación actualizada en todo momento das entidades colaboradoras e os servizos que presta cada unha delas, detallando as súas condicións.
5. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021 (DOUE do 30.6.2021 L 231), polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao amparo destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, do no significant harm).
As entidades colaboradoras do Programa Re-acciona son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación) a petición da empresa solicitante.
O prazo de presentación de solicitudes empeza o 1 de abril de 2024 e remata o 15 de novembro de 2024.