AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASAS NIÑO

ORDE do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020, 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento BS403C).

Accións e gastos subvencionables

  1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria os gastos derivados das seguintes actuacións:
  2. a) A reforma e adaptación do inmoble destinado a servir de casa niño así como o seu equipamento e dotación material nos termos previstos no artigo 4. O mobiliario, electrodomésticos e os materiais didácticos e de xogo poderán ser de segunda man, sempre que estean en perfecto estado de uso e conste unha declaración de quen os vende sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e que o prezo non sexa superior ao valor de mercado e ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes requisitos do prezo mediante certificación de taxación independente.
  3. b) A prestación da atención personalizada de nenos e nenas de 0-3 anos nas condicións previstas no artigo 2.
  4. c) A publicidade e información derivadas das obrigas recollidas no artigo 26.
  5. Os gastos previstos no número 1.a) para seren subvencionables deberán ser necesarios e corresponderse de maneira indubidable á operación cofinanciada. Así mesmo, de acordo co disposto no artigo 65.6 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, só serán subvencionables aquelas operacións que tendo comezado con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020 non estean totalmente finalizadas no momento da presentación da solicitude de axuda e sexan efectivamente pagadas no prazo previsto no artigo 4.2.

Sempre que o custo elixible do investimento que se subvenciona supere as contías establecidas na normativa de contratación do sector público vixente no momento de realización do gasto para o contrato menor de obras ou de subministracións segundo a tipoloxía do gasto de que se trate, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de distintos provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra ou entrega do ben. A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro.

Non será necesario acreditar as tres ofertas no caso de que polas especiais características dos gastos que se subvencionan non exista no mercado suficiente número de entidades que o fornezan ou presten, debendo a persoa beneficiaria neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

  1. Os gastos previstos deberán ser especificados na solicitude, tendo en conta que os investimentos só serán elixibles na primeira anualidade.
  2. De acordo co disposto no artigo 69.3 c) do Regulamento (UE) 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013, non se considera subvencionable o imposto sobre o valor engadido cando sexa recuperable.

Beneficiarias

  1. Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa niño as persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:
  2. a) Estar en posesión, ou contar cando menos cunha persoa socia que o estea no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguintes:

1º. Técnico/a superior en Educación Infantil.

2º. Grao en Mestre/a de Educación Infantil/Educación Primaria.

3º. Grao en Pedagoxía, Psicoloxía ou Educación Social.

4º. Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.

5º. Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís, ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.

  1. b) Residir nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade ou facelo con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.
  2. c) Contar cun inmoble nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto. O dito inmoble estará dotado cos seguintes recursos:

1º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da iniciativa e conte coa protección dos elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto, os atrapamentos ou outros riscos para a integridade das e dos menores.

2º. Unha sala con iluminación e ventilación naturais directas e un mínimo de 20 metros cadrados, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 0-3 anos.

3º. Dúas zonas, unha para o descanso e outra para a hixiene infantil. A zona de descanso e, se for o caso, o mesado cambiador poderán estar integrados na sala principal.

4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada, cando menos, dun mesado, frigorífico, vertedoiro e microondas.

5º. Elementos de protección: enchufes de seguridade infantil sempre que se sitúen por debaixo de 1,5 metros, protectores de dedos nas dúas caras das portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta en zonas con diferentes alturas ou escaleiras e extintor/es para a protección contra incendios.

6º. Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos que incluirá como mínimo: cambiador de cueiros, berces, sabas, mantas, colchóns, contedor de cueiros, ouriñais, tronas, hamacas, adaptadores de inodoro e materiais didácticos e de xogo axeitados para as idades dos nenos e nenas e con marcado CE.

En todo caso o mobiliario deberá ter bordes romos ou protectores que os cubran para que careza de arestas. Así mesmo, na sala e na zona de descanso, no suposto de estar nunha estancia separada, os materiais dos solos e das paredes ata unha altura de 1,5 metros deberán ser cálidos, lisos, non porosos, facilmente lavables e aptos para a súa desinfección. Na sala deberá crearse unha superficie continua e antideslizante, axeitada para gatear.

As estancias e zonas anteriormente citadas deben estar situadas nun único andar. No caso de tratarse dun inmoble non destinado a vivenda, este deberá estar, ademais, en planta baixa.

  1. d) Dispoñer dun plan de actuación cos nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.
  2. e) Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta revisión médica deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto piloto.
  3. O requisito establecido na letra a) do número anterior deberá cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. O resto de requisitos previstos no punto anterior deberán acreditarse no prazo de dous meses desde a recepción da resolución de concesión, ampliable a tres para os supostos de constitución dunha cooperativa de traballo asociado. Todos os requisitos previstos no punto 1 deberán manterse durante o período de permanencia da actividade. Respecto das cooperativas de traballo asociado, de non estar constituídas, no momento de presentación da solicitude deberán ter iniciado os trámites para a súa constitución.
  4. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.

 

O prazo presentación de solicitudes remata o 18 de marzo de 2020.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200218/AnuncioG0425-271219-0004_gl.html

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS403C&ano=2020&numpub=1&lang=gl