RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas de xuros en préstamos concedidos con fondos públicos para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408E).

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases as persoas físicas ou xurídicas titulares de préstamos concedidos e formalizados a partir do ano 2020, para o desenvolvemento de proxectos empresariais con impacto directo en Galicia, coas entidades e modalidades relacionadas no anexo I, que se atopen ao día nos pagamentos nos ditos préstamos, que desenvolvan unha actividade económica empresarial en Galicia e que teñan os seus centros de traballo localizados maioritariamente nesta comunidade autónoma.

Características da axuda do Igape

1. A axuda consistirá na subvención dos xuros das operacións de préstamo contratadas a partir do 1 de xaneiro de 2020 coas entidades e nas modalidades relacionadas no anexo I, co obxecto de desenvolver proxectos empresariais con impacto directo en Galicia. O importe da subvención que se conceda será o menor dos seguintes importes:

a) Un máximo de 3 puntos porcentuais de xuros calculados na taxa anual equivalente sobre o capital vivo previsto no contrato en cada período de liquidación, segundo o pactado no contrato de financiamento ou póliza de préstamo, que se xeren e que se deberán pagar entre o 1.1.2025 e o 31.10.2026.

b) O importe bruto total dos xuros ordinarios que se xeren e que se deberán pagar entre o 1.1.2025 e o 31.10.2026. Para estes efectos, consideraranse pagadas no período as retencións sobre os rendementos de capital que figuren incluídas, de ser o caso, nas liquidacións de xuros correspondentes.

c) O importe que, sumado ás axudas de minimis percibidas pola titular e sociedades vinculadas nos tres últimos anos, falte para chegar ao límite de axudas de minimis aplicable á persoa beneficiaria.

Respecto das alíneas a) e b) anteriores asúmense as hipóteses seguintes:

– Mantemento do capital vivo previsto no calendario de amortización en vigor no momento da solicitude, sen amortizacións anticipadas.

– Nos préstamos a tipo variable e nos préstamos participativos, para a determinación da axuda que se vaia conceder, considérase o tipo de xuro en vigor no momento da solicitude.

A subvención concedida terá un carácter de subvención máxima. No momento da liquidación, nos casos de amortizacións anticipadas, e/ou nos supostos en que durante o período de liquidación o tipo de xuro aplicado rexistre unha baixada respecto ao tomado en conta para o cálculo da axuda na resolución de concesión, o importe da axuda será axustado para que o importe bruto da subvención non supere en ningún caso o importe dos xuros ordinarios efectivamente aboados pola persoa beneficiaria no préstamo subvencionado.

2. Para os efectos destas bases, enténdese por taxa anual equivalente o tipo de xuro anual que é financeiramente equivalente ao tipo de xuro pagado coa periodicamente pactada no contrato ou póliza de préstamo ao longo do ano, e calcularase coa seguinte fórmula: Taxa anual equivalente = (1+x/f) ^f – 1, onde «x» é o tipo de xuro nominal expresado en tanto por un, e «f» é a frecuencia dos pagamentos de xuros, expresada en número de pagamentos por ano (1 = anual, 2 semestral, 3 cuadrimestral, 4 trimestral, 6 bimestral e 12 mensual).

3. A axuda será aboada ás persoas titulares na conta bancaria que designen.

4. Compatibilidade e límites.

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro); no Regulamento (CE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), ou nas normas que os modifiquen ou substitúan.

A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis que estean vixentes no momento da concesión da axuda. De xeito xeral e na data de publicación das presentes bases, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 300.000 euros nos tres anos previos á concesión da subvención. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 40.000 euros durante os tres anos previos á concesión da subvención. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 50.000 euros.

A solicitude e obtención doutras axudas ou subvencións de minimis deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda. O incumprimento do disposto neste punto considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

5. No caso de que a axuda calculada conforme o punto primeiro supere os límites indicados no punto 4, axustarase o importe total da axuda bruta aos ditos límites. Será causa de denegación se as axudas de minimis xa percibidas nos tres anos previos á concesión da subvención superan os ditos límites.

6. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o Rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE núm. 223, do 16 de setembro), no caso de que a persoa beneficiaria sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro expresando a información a que se fai referencia no anexo I do dito real decreto.

O prazo de presentación de solicitudes ábrese ás 9:00 do 14 de marzo de 2025 e péchase o 1 de decembro de2025.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250306/AnuncioO92-250225-0002_gl.html
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=IG408E&ano=2025&numpub=1&lang=es