ORDE do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axuda ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento TR341D, TR790A, TR341Q, TR353D e TR341R).
Este programa ten como finalidade evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional, ao tempo que facilita que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente.
Persoas beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser beneficiarias do Bono Remuda as persoas traballadoras autónomas, as persoas profesionais que estean dadas de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, así como as persoas mutualistas, e as sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, segundo alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria, modelos 036 ou 037, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
a) O negocio obxecto de remuda debe ter o domicilio social e fiscal e o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e un mínimo de antigüidade de 5 anos.
b) Non teñan transcorrido más de 12 meses entre a publicación desta orde e a baixa no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, e no IAE, da persoa titular do negocio, que se trate da mesma actividade do negocio que se remuda e que se desenvolva no mesmo local, se a actividade require a existencia do mesmo, salvo que causas de forza maior, imprevisibles e inevitables, imposibiliten que a actividade se poida desenvolver no mesmo local. A estes efectos enténdese por mesma actividade a que coincida polo menos a nivel de 3 díxitos da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE) ou cunha actividade equivalente.
c) O negocio ou actividade obxecto de remuda estea inscrito na Bolsa de remuda da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia (poderá inscribirse de maneira presencial en calquera dos Polos activos na Comunidade Autónoma de Galicia ou a través da páxina web: https://polosemprendemento.gal/remuda-de-negocios. Exceptúanse deste requisito os negocios que foran obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
d) A transmisión se materialice mediante contrato de traspaso ou venda do negocio ou actividade, elevado a escritura pública, no que necesariamente deberá constar o prezo total e a indicación expresa da remuda como obxecto do devandito contrato; Para os efectos da concesión de axudas abondará cun acordo de transmisión asinado entre as partes implicadas no que figure igualmente o prezo total e o obxecto do devandito acordo. O contrato conterá unha descrición detallada dos elementos que forman parte do traspaso.
e) No caso de transmisión de persoas autónomas societarias, estas deben posuír, con anterioridade á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, máis do 50 % do porcentaxe de accións ou participacións da sociedade que se traspasa. Neste caso, detallarase a porcentaxe de accións ou participacións da sociedade que a persoa ou sociedade adquirinte pasa a posuír, que necesariamente debe ser superior ao 50 % para obter a condición de beneficiaria, e sempre que se cumpran o resto de requisitos deste programa.
f) Se realice o cambio de titularidade da licencia de apertura e/ou actividade no concello correspondente, ou de ser o caso, a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento, nos casos en que así o requira a lexislación vixente.
g) As persoas que remudan o negocio non poden estar en ningunha situación de xubilación activa cando se produza a remuda.
h) As persoas ou entidades beneficiarias deberán ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións desta axuda.
2. Tamén poden ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que transmitan o negocio e sexan identificadas como tal na solicitude realizada pola persoa remudista, quedando vinculadas ambas persoas para a concesión da subvención.
As persoas que transmitan o negocio deben cumprir algún dos seguintes requisitos:
a) Ter unha idade próxima a xubilación (62 anos ou máis).
b) Foran declaradas en situación de incapacidade total ou absoluta ou grande invalidez recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social.
c) Foran herdeiras da persoa titular do negocio, no caso de falecemento desta.
Líneas de axuda e contía da subvención
1. O crédito dispoñible para este programa desagrégase en dúas liñas de axudas:
Liña 1: Bono remuda rural, para negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes.
Liña 2: Bono remuda xeral, para negocios situados en concellos de 10.000 ou máis habitante.
1. A porcentaxe do prezo do contrato a subvencionar varía segundo a liña de axuda:
– Na liña 1: bono remuda rural subvenciónase o 75 % do prezo do contrato de remuda.
– Na liña 2: bono remuda xeral subvenciónase un 70 % do prezo do contrato de remuda.
2. No caso de que a persoa beneficiara da axuda acceda á remuda mediante o alugueiro do local e/ou medios produtivos, o importe a percibir será o correspondente aos primeiros 18 meses de alugueiro. O importe mensual do alugueiro deberá figurar no contrato de remuda.
3. A intensidade da axuda que corresponda en cada caso e en calquera das liñas do apartado 3.1, poderá incrementarse un 5 % máis sobre o total, cando se dea algunha das seguintes circunstancias, acumulables entre si, e só aplicable no caso das persoas físicas:
– Que a persoa que adquire o negocio sexa unha muller.
– Que persoa que adquire o negocio sexa menor de 30 anos na data da solicitude.
– Que a persoa que adquire o negocio teña 52 anos cumpridos na data da solicitude.
– Que a persoa que adquire o negocio sexa desempregada de longa duración.
– Que o negocio que se traspasa teña máis de 5 traballadores.
3.4. Igualmente e no caso da liña 1, Bono remuda rural, a intensidade da axuda que corresponda pode incrementarse un 10 % máis, cando se dea algunha das seguintes circunstancias:
– Que a persoa que adquire o negocio sexa emigrante retornada.
– Que a persoa que adquire o negocio sexa estranxeira.
– Que a persoa que adquire o negocio estea empadroada na mesma localidade na que se atope o negocio ou actividade que se remuda con anterioridade á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
3.5. A contía máxima subvencionable por remuda será de 30.000 euros, excepto nos casos en que o obxecto da remuda estea constituído por unha licenza de actividade que habilite para o desenvolvemento da mesma, en cuxo caso a contía máxima subvencionable por remuda será de 10.000 euros.
4. Para ser subvencionable o gasto deberá estar realizado e pagado no período comprendido entre o 31 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, salvo nos casos de acceso á remuda mediante o alugueiro do local e/ou medios produtivos.
5. Non se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Pola súa banda, as persoas traballadoras autónomas previstas no artigo 50.2 que transmitan o negocio, percibirán un importe de 6.000 euros cando o negocio que transmiten se encadre na Liña 1: Bono remuda rural, e de 3.000 euros cando o o negocio que transmiten se encadre na Liña 2: Bono remuda xeral.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2025.