BONO REMUDA PARA O FOMENTO DA REMUDA XERACIONAL DE NEGOCIOS
ORDE do 23 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2024 as axudas do Bono remuda para o fomento da remuda xeracional de negocios (código de procedemento TR353D).
Persoas e entidades beneficiarias. Requisitos
- Poderán ser beneficiarias do Bono remuda as persoas traballadoras autónomas, as persoas profesionais que estean dadas de alta no RETA, así como as persoas mutualistas, e as sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria, modelos 036 ou 037, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
- a) O negocio obxecto de remuda debe ter o domicilio social e fiscal e/ou o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e un mínimo de antigüidade de 5 anos.
- b) Que non teñan transcorrido más de 12 meses entre a publicación desta orde e a baixa no RETA e no IAE da persoa titular do negocio, e que se trate da mesma actividade do negocio que se remuda e se desenvolva no mesmo local, se a actividade require a existencia deste. Para estes efectos, enténdese por mesma actividade a que que coincida polo menos a nivel de 2 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) ou cunha actividade equivalente.
- c) Que o negocio ou actividade obxecto de remuda estea inscrito na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia. (Poderá inscribirse de maneira presencial en calquera dos 12 polos activos na Comunidade Autónoma de Galicia ou a través da páxina web: https://polosemprendemento.gal/remuda-de-negocios). Exceptúanse deste requisito os negocios que fosen obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
- d) Que a transmisión se materialice mediante contrato de traspaso ou venda do negocio ou actividade, elevado a escritura pública, no cal, necesariamente, deberá constar o prezo total e a indicación expresa da remuda como obxecto do devandito contrato. Para os efectos da concesión de axudas, abondará cun acordo de transmisión asinado entre as partes implicadas en que figure, igualmente, o prezo total e o obxecto do devandito acordo.
No caso de transmisión de persoas autónomas societarias, detallarase a porcentaxe de accións ou participacións da sociedade que a persoa ou sociedade adquirinte pasa a posuír, que, necesariamente, deberá ser superior ao 50 % para obter a condición de beneficiaria.
O contrato conterá unha descrición detallada dos elementos que forman parte do traspaso.
- e) Que se realice o cambio de titularidade da licenza de apertura e/ou actividade no concello correspondente ou, de ser o caso, a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento, nos casos en que así o requira a lexislación vixente.
- f) As beneficiarias deberán ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións desta axuda.
- A remuda que se subvenciona nesta orde ten que estar motivada pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio ou por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou a morte; polo tanto, na persoa que traspasa o negocio, ten que se dar algunha das seguintes circunstancias:
- a) Ter unha idade próxima a xubilación (62 anos ou máis).
- b) Ser declarada en situación de incapacidade total ou absoluta ou grande invalidez recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social.
- c) Ser herdeiras da/s persoa/s titulares do negocio, no caso de falecemento destas.
Accións subvencionables, intensidade da axuda e prazo de execución
- O Bono remuda subvenciona o prezo, sen IVE, estipulado no contrato de remuda dun negocio ou actividade con domicilio social e fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que, previamente, estivese inscrito na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Exceptúanse deste requisito os negocios que fosen obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
1.1. A porcentaxe do prezo do contrato para subvencionar varía segundo a liña de axuda:
– Na liña 1. Bono remuda rural, subvenciónase o 75 % do prezo do contrato de remuda.
– Na liña 2. Bono remuda xeral, subvenciónase un 70 % do prezo do contrato de remuda.
1.2. No caso de que a persoa beneficiara da axuda acceda á remuda mediante o alugamento do local e/ou medios produtivos, o importe para percibir será o correspondente aos primeiros 18 meses de alugamento. O importe mensual do alugamento deberá figurar no contrato de remuda.
1.3. No caso de traspaso dunha sociedade e cando a remuda non inclúa a totalidade de participacións da sociedade, o importe da axuda será proporcional á porcentaxe de participación obxecto de remuda.
1.4. A intensidade da axuda, en calquera das liñas, poderá incrementarse un 5 % máis sobre o total cando se dea algunha das seguintes circunstancias, acumulables entre si:
– Que a persoa que adquire o negocio sexa unha muller.
– Que persoa que adquire o negocio sexa menor de 30 anos na data da solicitude.
– Que persoa que adquire o negocio teña os 52 anos feitos na data da solicitude.
– Que o negocio traspasado teña máis de 5 traballadores.
1.5. Igualmente, e no caso da liña 1. Bono remuda rural, a intensidade da axuda incrementarse un 10 % máis cando se dea algunha das seguintes circunstancias:
– Que a persoa que adquire o negocio sexa emigrante retornada.
– Que a persoa que adquire o negocio sexa estranxeira.
– Que a persoa que adquire o negocio estea empadroada na mesma localidade en que se atope o negocio ou actividade que se remuda con anterioridade á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
1.6. A contía máxima subvencionable por remuda será de 30.000 euros.
- Para ser subvencionable o gasto deberá estar realizado e pagado no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2024, salvo nos casos de acceso á remuda mediante o alugamento do local e/ou medios produtivos.
- Non se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de outubro de 2024.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240606/AnuncioG0767-240524-0001_gl.html
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR353D&ano=2024&numpub=1&lang=gl