AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DA CASAS NIÑO
ORDE do 26 de abril de 2024 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño durante os anos 2024, 2025, 2026 e 2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403C).
A casa niño ofrecerá unha atención integral e personalizada a nenos e nenas en idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, a cal comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social. A este respecto deseñarase e organizarase un ambiente que faga posible a construción das primeiras aprendizaxes de identidade e autonomía persoal, de relación co contorno e de comunicación social, sempre en estreita colaboración coas familias.
Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa niño as persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión, ou contar cando menos cunha persoa socia que o estea no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións ou formación que se recollen a seguir, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:
1º. Técnico/a superior en educación infantil.
2º. Grao en mestre/a de educación infantil/educación primaria.
3º. Grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social.
4º. Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.
5º. Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.
b) Residir nun núcleo rural do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou facelo con anterioridade á posta en marcha do proxecto.
c) Contar cun inmoble nun núcleo rural do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha do proxecto. O dito inmoble estará dotado cos seguintes recursos, para os cales poderá pedir esta axuda:
1º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da iniciativa e conte coa protección dos elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto, os atrapamentos ou outros riscos para a integridade das e dos menores.
2º. Unha sala con iluminación e ventilación naturais directas dun mínimo de 20 metros cadrados, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 0-3 anos.
3º. Dúas zonas, unha para o descanso e outra para a hixiene infantil. A zona de descanso e, de ser o caso, o mesado cambiador, poderán estar integrados na sala principal.
4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada, cando menos, dun mesado, frigorífico, vertedoiro e microondas.
5º. Elementos de protección como enchufes de seguridade infantil sempre que se sitúen por debaixo de 1,5 metros, protectores de dedos nas dúas caras das portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta en zonas con diferentes alturas ou escaleiras e extintor/es para a protección contra incendios.
6º. Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos que incluirá, como mínimo, un cambiador de cueiros, berces, sabas, mantas, colchóns, contedor de cueiros, ouriñais, tronas, hamacas, adaptadores de inodoro e materiais didácticos e de xogo axeitados para as idades dos nenos e nenas e con marcación de conformidade europea (CE).
En todo caso, o mobiliario deberá ter bordos romos ou protectores que os cubran para que careza de arestas. Así mesmo, na sala e na zona de descanso, no suposto de estar nunha estancia separada, os materiais dos solos e das paredes ata unha altura de 1,5 metros deberán ser cálidos, lisos, non porosos, facilmente lavables e aptos para a súa desinfección. Na sala deberá crearse unha superficie continua e non esvaradía, axeitada para gatear.
As estancias e zonas anteriormente citadas deben estar situadas nun único andar. No caso de tratarse dun inmoble non destinado a vivenda, este deberá estar ademais en planta baixa.
d) Dispoñer dun plan de actuación cos/coas nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.
e) Acreditar o estado de saúde cunha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta acreditación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolva/n o proxecto.
O prazo para presentar solicitudes remata o 14 de xuño de 2024.