SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPRENDEMENTO EN ECONOMÍA SOCIAL
ORDE do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía social) e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento TR802G e TR802J).
Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (procedementoTR802G)
Este programa ten por obxecto apoiar o emprendemento en economía social e establecer incentivos para o fomento da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou a proba.
Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo
1. Poderán acollerse aos incentivos previstos neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo con carácter indefinido, en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, as seguintes persoas:
a) Persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego.
b) Persoas que no momento da súa incorporación estean vinculadas á cooperativa ou sociedade laboral por un contrato de traballo fixo descontinuo.
c) Persoas que no momento da súa incorporación sexan socias a proba da cooperativa a que se incorporan, sempre e cando estivesen desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no momento de incorporarse como tales persoas socias a proba.
d) Persoas que no momento da súa incorporación sexan persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.
A incorporación deberá supoñer incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras ou de traballo indefinidas da cooperativa ou sociedade laboral beneficiaria da subvención, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias por quen se percibe a subvención.
2. Tamén poderán acollerse a estes incentivos as cooperativas e sociedades laborais que incorporen en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba, persoas menores de 30 anos (ou menores de 35 anos cando se trate de persoas con discapacidade) que no momento da incorporación estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego.
3. A incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender como mínimo o 50 % da xornada ordinaria calculada en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada ordinaria legal.
Admitirase a incorporación en condición de persoa fixa descontinua, sempre que a ocupación acade como mínimo o 50 % da xornada de traballo anual establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, as 868 horas.
4. Non poderá concederse esta subvención cando se trate da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo que tiveron tal condición na mesma cooperativa ou sociedade laboral nos dous anos anteriores á súa incorporación como socios ou socias. Tampouco poderá concederse cando se trate da incorporación de persoas polas cales se obtiveron as subvencións previstas para a incorporación como persoas socias, nos últimos 5 anos. Estas limitacións non se aplicarán no caso de que a incorporación anterior fose como persoa socia a proba.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de setembro de 2024.
Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia (procedemento TR802J)
Este programa de subvencións está dirixido ao fomento do acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas. Este acceso facilítase mediante o financiamento das achegas económicas ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio ou socia.
Persoas beneficiarias e condicións para a obtención da subvención
1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa de subvencións as persoas que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral con carácter indefinido, que desenvolvan a súa actividade nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia e que no momento da súa incorporación cumpran algunha das condicións seguintes:
a) Ser persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego.
b) Ser persoas socias a proba da cooperativa á cal se incorporan.
c) Ser persoas asalariadas da cooperativa ou sociedade laboral á cal se incorporan.
d) Ser persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.
e) Ser persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral a tempo parcial que accedan á mesma condición a tempo completo.
2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas que, sendo desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como persoas socias con carácter indefinido, con compromiso de exclusividade, para comercializaren os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen, sempre que teñan o seu domicilio social e fiscal en Galicia. A incorporación como persoa socia na cooperativa deberá producirse dentro do período de execución establecido no artigo 37 desta orde. Entre o inicio da actividade por conta propia e a dita incorporación non poden ter transcorrido máis de dous anos.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de setembro de 2024.