PROGRAMA DO BONO DAS PERSOAS AUTÓNOMAS
ORDE do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR341Q).
Persoas beneficiarias
1. As persoas traballadoras autónomas de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que na data da solicitude teñan o domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos computados desde a data da solicitude, na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.
b) Que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual referida ao ano 2022, inferior a 50.000 euros.
c) Que teñan unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2022.
2. As sociedades de calquera clase, incluídas as unipersonais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional, e que a dita sociedade non fora beneficiaria nin percibira esta axuda nalgunha das cinco últimas cinco convocatorias (2019-2023 ambas incluídas)
No suposto de persoas autónomas administradoras, terán a consideración de autónomo societario se forman parte da sociedade nunha porcentaxe superior ao 25 % da súas participacións ou do 33 % do seu capital, o que deberán acreditar fidedignamente mediante escritura notarial.
b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído na declaración referida ao ano 2022.
c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2022 inferior a 50.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto do sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas este importe de 50.000 euros referirase á suma de todos os rendementos netos reducidos (rendementos da actividade económica da entidade solicitante), declarados no IRPF de cada un dos membros da entidade solicitante (modelo 184).
Subvención do bono das persoas autónomas
1. Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial das persoas beneficiarias desta orde, unha subvención do 60 % da actividade que se vai subvencionar, cun límite máximo de 7.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta da persoa beneficiaria.
2. Esta axuda terá unha liña de actuación, de mellora da competitividade, a través dos seguintes tipos de investimentos:
• Compra de maquinaria.
• Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.
• Inversións para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.
• Compra de enxoval e ferramentas.
• Reforma do local ou espazo do negocio.
• Equipamento informático.
• Equipamento de oficina e/ou negocio.
• Rótulos.
• Aplicacións informáticas, creación e desenvolvemento de páxinas web, apps e redes sociais.
• Deseño de marca.
No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables a persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens.
No caso de reforma do local do negocio exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma, excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.
O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 29 de xaneiro de 2024 e remata o 30 de setembro de 2024.