ACCESO A CRÉDITO DAS PEMES. FINANCIAMENTO IGAPE-PEMES

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2024 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG535A).

Estas bases regulan as condicións e o procedemento de tramitación do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas, que se desagrega nas liñas de financiamento específicas detalladas no anexo I.

Características das operacións financeiras e axuda do Igape

As características, finalidades, importes máximos e mínimos, e condicións das operacións financeiras apoiadas serán as detalladas para cada liña de financiamento recollida no anexo I.

Axuda do Igape en forma de garantía.

Naquelas liñas de financiamento en que así se recolla no anexo I, a axuda do Igape poderá consistir no reaval do Igape durante a vixencia da operación avalada e, en todo caso, co máximo de 7 anos, en garantía dun máximo do 25 % do risco asumido pola SGR, de acordo co previsto na normativa vixente de avais do Igape. Seguindo os criterios establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02, relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais outorgadas en forma de garantía, considérase como axuda indirecta a equivalente ao importe da prima non cobrada á persoa beneficiaria.

Con carácter xeral, o reaval do Igape ante as SGR será do 25 % do risco asumido pola SGR, salvo nos casos en que a SGR combine este coa cobertura de reavais doutros organismos públicos ou dependentes da Administración. Nestes supostos, aplicarase en primeiro lugar a porcentaxe máxima prevista por esoutros organismos públicos ou dependentes da Administración, para cada tipo de operación. Se, como consecuencia da suma das porcentaxes de reaval desoutros organismos e do Igape se exceden os límites de porcentaxe máxima permitida pola normativa vixente, reducirase a cobertura do reaval do Igape na porcentaxe necesaria para non superar o citado límite.

O cálculo da subvención bruta equivalente implícita na axuda en forma de garantía, determinarase segundo a seguinte fórmula de cálculo simplificada:

Subvención bruta equivalente = 2 × (importe do reaval en euros) × (prazo de vixencia do reaval en anos)/75

Axuda do Igape en forma de subsidiación de gastos financeiros.

Nas liñas de financiamento en que así se recolla no anexo I, a axuda do Igape poderá consistir nunha bonificación do tipo de xuro nominal e/ou das comisións de aval das operacións de préstamo acollidas a estas bases.

A axuda que se aboará ao titular calcularase do seguinte xeito:

– Calcularanse os valores absolutos dos puntos que se percibirán durante o período establecido para cada modalidade incluída no anexo I.

– Actualizaranse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano da concesión da operación financeira.

Compatibilidade e límites.

A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada, pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis que estean vixentes no momento da concesión da axuda. De xeito xeral e na data de publicación das presentes bases, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais e, para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 €. Para as empresas cuxa actividade estea encadrada no Regulamento de minimis específico do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 40.000 € para pesca e acuicultura. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 €, ou de 25.000 € segundo corresponda, durante calquera período de tres exercicios, co límite establecido para España no anexo I do Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro). No caso de que, con posterioridade á data de publicación das presentes bases, a Comisión Europea aprobe límites diferentes aos indicados anteriormente, serán de aplicación os límites vixentes na data de emisión da resolución de concesión.

A solicitude e obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda. Así mesmo, a SGR deberá comunicar ao Igape a porcentaxe de reaval obtida doutros organismos, así como as axudas de minimis implícitas nel. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

5. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE nº 223, do 16 de setembro), no caso de que a persoa beneficiaria sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro, expresando a información a que se fai referencia no anexo I do dito real decreto.

O prazo de presentación de solicitudes  finalizará ás 14.00 horas do día 30 de setembro de 2024, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=IG535A&ano=2024&numpub=1&lang=gl
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240122/AnuncioO92-281123-0001_gl.html