PRESTAMOS DIRECTOS PARA O FINANCIAMENTO EMPRESARIAL

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2023 pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B).

Características das actuacións que se van financiar

1. O Igape poderá financiar actuacións empresariais vinculadas a unha actividade económica, viables, que cumpran ademais os requisitos específicos establecidos no anexo I para cada modalidade de préstamo.

Serán financiables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos destas bases, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude, e dentro do prazo concedido para a execución da actuación.

2. Non serán financiables as meras substitucións de bens sen unha mellora produtiva, os traslados de centros produtivos que non supoñan unha mellora na capacidade produtiva ou na competitividade, os gastos de amortización, o saneamento de contas, nin o financiamento ou o refinanciamento de débedas.

3. Actividades financiables: as actuacións financiables deberán estar vinculadas aos sectores establecidos como financiables, que serán os sinalados no anexo I para cada unha das modalidades de préstamo, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.

Conceptos financiables

1. Sen prexuízo das limitacións establecidas no anexo I para cada unha das modalidades de préstamo, poderán ser financiados os seguintes conceptos:

a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola beneficiaria sexa a produción ou subministración de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, útiles, outras instalacións, mobiliario, equipamentos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade. Exclúense os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran ou constrúan para obter rendas, plusvalías ou ambas.

b) Bens intanxibles, tales como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso e aplicacións informáticas.

c) Gastos de investigación, desenvolvemento e innovación, aínda que contablemente teñan a consideración de gasto corrente, por non cumprirse as condicións para a súa activación previstas nas normas particulares sobre o inmobilizado intanxible recollidas no vixente Plan xeral de contabilidade, por canto, unha vez finalizado o prazo para xustificar o proxecto, poidan non presentarse motivos fundados de éxito técnico e rendibilidade económica-comercial.

d) Capital de explotación: entendendo como tal o incremento permanente de capital corrente necesario para a actividade, que deberá cumprir o seguintes dous requisitos:

1º. A contía financiable por este concepto será determinada polo Igape con base na solicitude da titular, nos estados financeiros históricos e nas previsións de actividade.

2º. Os fondos obtidos do produto financeiro con esta finalidade, serán aplicados ao pagamento a provedores e acredores dos seguintes conceptos de gasto corrente do exercicio:

i) Compras de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, mediante transferencia ou pagamento de efectos.

ii) Prestación de servizos: arrendamentos e canons, reparacións e conservación, servizos de profesionais independentes, transportes, publicidade, propaganda e relacións públicas, subministracións e outros servizos relacionados coa actividade.

iii) Gastos de persoal: soldos e salarios, indemnizacións, seguros sociais e outros gastos sociais.

iv) Gastos financeiros asociados á operativa da conta específica, se é o caso.

v) Primas de seguros, en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

vi) Cando así se recolla expresamente no acordo de concesión, os fondos do préstamo desembolsado poderán destinarse a constituír un depósito nunha entidade financeira en euros, peñorado a favor dun terceiro, como fianza ou contragarantía dun aval ou liña de avais que este terceiro emita, en garantía do cumprimento, por parte da beneficiaria, de compromisos, continxencias ou obrigas de carácter técnico ou financeiro relacionados coa actuación ou coa actividade corrente da beneficiaria. Nestes supostos:

vi1) O acordo de concesión determinará expresamente a porcentaxe de cobertura máxima desta contragarantía líquida sobre o nominal dos avais que se emitan, computándose, se é o caso, a parte do risco non cuberta por esta garantía peñoraticia para o 25 % de contribución financeira exenta de apoio público requirida no anexo I.

vi2) O acordo de concesión determinará tamén a tipoloxía de compromisos, continxencias ou obrigas que se van garantir cos avais que se emitan, os requisitos dos terceiros ante os que se avala, e os requisitos dos avalistas beneficiados do peñoramento do depósito.

vi3) Sen prexuízo de que se poida instrumentar unha liña de avais revolving por un prazo máximo determinado, unha vez vencidas as obrigas garantidas co peñoramento do depósito, o seu importe líquido deberá ser transferido ao Igape nun prazo máximo de 15 días hábiles. Estes fondos serán aplicados á amortización anticipada do préstamo ou, se é o caso, ao pagamento de débedas vencidas.

e) Investimentos financeiros en sucursais o filiais domiciliadas no estranxeiro, con base nun plan de expansión comercial internacional. Os fondos do préstamo, deberán ser aplicados pola sucursal ou filial a algunha/s das finalidades relacionadas nos puntos anteriores.

f) Salvo nos conceptos recollidos no punto d) anterior, exclúense impostos, taxas e arbitrios, a excepción do IVE cando non sexa recuperable.

2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros pola beneficiaria. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da beneficiaria antes da finalización do prazo de execución da actuación, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

3. Non obstante o previsto no anterior punto 2, tamén poderá ser financiada a obra civil en inmobles sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa, e/ou estean alugados, limitándose en caso de alugamento a obras de reforma de inmobles xa construídos. No caso de dereito de superficie ou alugamento, as entidades titulares dos inmobles non poderán estar vinculadas á beneficiaria.

4. Os gastos financiables deberán ser contratados e pagados directamente entre a beneficiaria do préstamo e o provedor, agás os gastos de desenvolvemento e innovación, que poderán ser realizados con medios e por persoal da propia beneficiaria.

5. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores salvo que a contratación se realice en condicións normais de mercado e se autorice expresamente no acordo de concesión, logo de petición do solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

6. En caso de bens usados, poderán ser financiados sempre que se acredite mediante certificado de taxador independente, que o prezo non supera o valor de mercado e que é inferior ao custo de bens novos similares.

Características dos préstamos

As características específicas de cada modalidade de préstamo, serán as detalladas no anexo I de dita Resolución.

O prazo de presentación  e solicitudes remata o 29 de novembro de 2024.

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=IG408B&ano=2024&numpub=1&lang=gl
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240115/AnuncioO92-221223-0001_gl.html