SUBVENCIÓNS EMPRENDEMENTO PLUS

ORDE do 13 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Emprendemento Plus para apoiar o investimento e a creación de emprego co obxectivo de fortalecer e consolidar iniciativas de emprendemento de persoas autónomas e pemes, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (apoio ao investimento) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR880B).

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de subvencións Emprendemento Plus para iniciativas de emprendemento de persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, que na data de presentación de solicitude de axuda non teñan máis de 42 meses de antigüidade desde a data de constitución ou alta, así como a data de inicio da súa actividade económica, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023 (código de procedemento TR880B), a través dos seguintes programas de axudas:

a) Programa I. Emprendemento Plus Investimento.

Este programa ten por obxecto apoiar a continuidade e a consolidación de iniciativas de emprendemento de persoas autónomas e pemes que teñan unha antigüidade máxima de 42 meses, mediante o apoio de investimentos realizados nas iniciativas obxecto da axuda, tal e como se describe no artigo 25 da convocatoria.

Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable á iniciativa de emprendemento, que se clasifican en custos directos, determinados con base no seu custo real, e custos indirectos, determinados mediante un método de custo simplificado consistente nun tipo fixo dos permitidos no artigo 54 RDC; en concreto:

. Equipamento informático

. Activos intanxibles

. Adquisición de bens de equipamento e mobiliario

. Reforma e habilitación das instalacións do local do negocio:

. Adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipamento de segunda man.

. Custos indirectos do proxecto, que se fixan nun tipo fixo do 3 % sobre os custos directos subvencionables indicados nos números do 1.1) ao 1.5), ao abeiro do disposto no artigo 54.a) RDC.

b) Programa II. Emprendemento Plus Emprego.

Este programa ten por obxecto o fomento e a consolidación do emprego por parte de autónomos e pequenas empresas de nova creación (máx. 42 meses) para promover a contratación de persoas desempregadas.

A finalidade deste programa é xerar emprego estable para persoas desempregadas, mediante unhas liñas de incentivos á contratación por conta allea, cuxas particularidades se recollen no artigo 27, e que inclúe dúas modalidades de axudas:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

b) Incentivos á contratación de fixos descontinuos, para contratos de duración dun mínimo de 9 meses e a xornada completa.

Estes dous programas (investimento e emprego) obxecto da convocatoria, son compatibles entre si, pero para optar ao Programa II Emprendemento Plus Emprego será necesario solicitar a axuda ao investimento establecida no Programa I Emprendemento Plus Investimento.

Para poder optar ao Programa I: Investimento non é necesario solicitar o Programa II de Emprego.

A finalidade, polo tanto, é apoiar o fortalecemento e consolidación de iniciativas de emprendemento que teñan unha antigüidade máxima de 42 meses, para impulsar a creación de emprego mediante axudas á consolidación de actividades económicas viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sustentabilidade e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais. En concreto, iniciativas de emprendemento destinadas ás seguintes actividades:

1. Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais.

2. Transformación e/ou comercialización de produtos.

3. Prestación de servizos a empresas en calquera sector (agricultura, silvicultura, sector industrial e de servizos…).

4. Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola…).

5. Actividades de ocio, recreativas, deportivas.

6. Artesanía e actividades artesanais.

7. Actividades baseadas nas TIC, innovación tecnolóxica e comercio electrónico.

8. Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, contabilidade, veterinaria e formación.

9. Comercio polo miúdo de produtos.

10. Sector hostalaría: exclusivamente dirixido á creación de novos hoteis e restaurantes situados en construcións patrimoniais singulares (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros…) que fagan uso do produto de proximidade co obxectivo de desenvolver propostas de valor arredor de recursos naturais, patrimoniais, culturais e turísticos.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de agosto de 2023.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230717/AnuncioG0656-100723-0001_gl.html
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR880B&ano=2023&numpub=1&lang=gl