PROGRAMA EMEGA – FOMENTO DO EMPRENDEMENTO FEMININO

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento SI429A).

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Con esta finalidade, o programa Emega comprende as seguintes liñas de axuda:

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

O inicio da actividade económica para a cal solicita a axuda ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2022 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

b) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade, dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia, consolidación e mellora. En ningún caso as ditas medidas poderán consistir na destrución do emprego existente por conta propia e allea.

No mes de finalización do prazo de presentación de solicitudes, debe acreditarse un período mínimo de tres anos de realización efectiva da actividade empresarial. Entenderase cumprido este requisito cando existan períodos de inactividade que en total non superen os tres meses.

c) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

O inicio da actividade económica ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2022 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

d) Liña Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 7 de agosto de 2023.

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=SI429A&ano=2023&numpub=1&lang=gl
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230707/AnuncioG0656-280623-0001_gl.html