AXUDAS Á REESTRUCTURACIÓN E RECONVERSIÓN DA VIÑA

ORDE do 24 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR446A).

Requisitos de admisibilidade

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras e futuras viticultoras cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente en materia de plantacións de viñedo, para todas as superficies de viñedo da súa explotación e coas disposicións relativas ás declaracións obrigatorias do sector vitivinícola.

2. As persoas viticultoras cuxas solicitudes de axuda fosen aprobadas en convocatorias anteriores do Programa de apoio ao sector vitivinícola (PASVE 2019-2023) ou da intervención sectorial vitivinícola (ISV 2024-2027), segundo corresponda, non poderán acceder á axuda nas dúas convocatorias seguintes se:

a) Renunciaron á axuda dunha operación solicitada, unha vez aprobada, agás que comunicasen a súa renuncia no prazo de 10 días desde a súa notificación.

b) Non solicitaron o pagamento dunha operación aprobada, unha vez finalizado o prazo para presentar a solicitude de pagamento dentro do segundo exercicio financeiro posterior ao que se solicitou a axuda.

c) Non executaron unha operación aprobada para a que solicitaron o pagamento.

Os supostos desta epígrafe non serán de aplicación nos casos de forza maior ou circunstancias excepcionais que poden recoñecerse conforme os casos previstos no artigo 3 do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.

3. Cumprir cos requisitos establecidos nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non crear artificialmente as condicións exixidas para cumprir os criterios de admisibilidade ou de prioridade establecidos na normativa, tal e como se establece no artigo 62 do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello.

5. As comunidades de bens ou sociedades civís deberán cumprir as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que deberán facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe da subvención que se vai aplicar por cada un deles (anexo I), que terán, igualmente, a consideración de persoas beneficiarias. Tamén deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, correspondan á agrupación. Así mesmo, deberán acreditar a existencia dun pacto de indivisión da comunidade por un período mínimo de, polo menos, dez campañas contadas desde a campaña seguinte á que solicite o pagamento final.

6. A superficie total reestruturada e/ou reconvertida será, polo menos, dunha hectárea (10.000 m2) para as solicitudes colectivas e 0,2 ha (2.000 m2) para as individuais.

7. O ámbito territorial das solicitudes non será superior ao dunha provincia, agás que se faga en terreos dunha denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida (DOP/IXP) e que a súa zona de produción comprenda máis dunha provincia.

8. A parcela de viña, unha vez reestruturada ou reconvertida, será polo menos de 0,01 ha (100 m2). Malia o anterior, nos casos en que a medida se limite a accións de sobreenxertado e/ou cambio de sistema de condución, a superficie mínima será aquela con que a parcela figura no Rexistro Vitícola de Galicia.

9. A superficie máxima elixible será de 20 hectáreas por persoa viticultora e convocatoria.

Operacións subvencionables

A axuda á reestruturación e reconversión de viñedos só poderá concederse para unha o varias das operacións seguintes:

a) Replantación con ou sen sistema de condución.

b) Reconversión de viñedos por cambios de variedade: sobreenxertado.

c) Mellora de técnicas de xestión de viñedos.

d) Replantación de viñedos cando sexa necesario tras a arrinca obrigatorio por motivos sanitarios ou fitosanitarios por orde da autoridade competente.

As accións subvencionables de reestruturación e reconversión elixibles, as súas características e os seus baremos estándar de custos unitarios recóllense nos anexo V e VI desta orde e deberán perseguir un ou máis dos obxectivos globais establecidos en función de se cumpren unha ou varias das características de cada operación.

O Prazo de preesntación de solicitudes remata o 27 de abril de 2023.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230327/AnuncioG0426-230323-1_gl.html
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MR446A&ano=2023&numpub=1&lang=gl