PROGRAMA DO BONO AUTÓNOMO
01/02/2023
AXUDAS XEMPRE AUTÓNOMO PARA PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO
01/02/2023
Amosalo todo

AXUDAS PARA A CREACIÓN DE EMPRESAS PARA PERSOAS AGRICULTORAS MOZAS

AXUDAS PARA A CREACIÓN DE EMPRESAS PARA PERSOAS AGRICULTORAS MOZAS

ORDE do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR404A, MR405A e MR405B).

Requisitos para todas as persoas beneficiarias

Ademais dos requisitos específicos establecidos para cada persoa beneficiaria segundo o tipo de axuda que solicite, todas deben:

1. Cumprir a condición de persoa agricultora activa no momento da solicitude. No caso de persoas agricultoras mozas, esta condición deberase cumprir dentro dos 18 meses seguintes á data de instalación.

Este requisito non será aplicable ás persoas beneficiarias da submedida 6.3.

2. Dispoñer dunha contabilidade específica Feader.

Esta orde regula os procedementos administrativos seguintes:

a) MR404A Axudas á incorporación de persoas mozas á actividade agraria.

Requisitos dos beneficiarios

1. As persoas que desexen acceder ás axudas á incorporación de persoas agricultoras mozas á actividade agraria (procedemento MR404A) deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter entre 18 e 40 anos de idade, ambos incluídos.

b) Cumprir a condición de persoa agricultora profesional dentro dos 18 meses seguintes á data de instalación.

c) Posuír o nivel de capacitación profesional suficiente no momento da solicitude da axuda, segundo se establece no Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, ou comprometerse a adquirilo nun prazo improrrogable de 36 meses desde a data de instalación.

d) A explotación en que se produce a instalación debe alcanzar, cando finalice o seu plan empresarial, unha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35 % da renda de referencia anual e inferior ao 120 % desta.

e) Instalarse nunha explotación que alcance a dimensión física mínima establecida no anexo IV.

f) Presentar un plan empresarial de acordo co anexo IV.

g) Exercer o control efectivo da explotación.

h) Non ser titular dunha explotación agraria, excepto que:

i. Sendo titular dunha explotación agraria cuxa marxe neta non supera o 20 % da renda de referencia, pase a ser titular dunha explotación prioritaria.

ii. Sendo titular dunha explotación agraria cuns niveis de dedicación de tempo de traballo e de renda unitaria de traballo inferior aos mínimos establecidos para os titulares de explotacións prioritarias, alcance esta consideración en calidade de agricultor a título principal.

i) Non ter declarado rendementos económicos por actividades agrarias en estimación obxectiva ou directa. Exclúense desta consideración os rendementos económicos declarados polo persoa moza que proveñan da recollida e venda esporádica de produtos silvestres ou castañas de souto tradicional, así como a venda de madeira, ou polas excepcións do punto anterior.

j) A data de establecemento pode ser anterior á data de solicitude da axuda, pero en ningún caso procederán estas axudas se o proceso de instalación está rematado antes da solicitude de axuda, excepto os supostos previstos na alínea h).

2. Así mesmo, deberán:

a) Comprometerse por escrito a exercer a actividade agraria durante cinco anos, contados desde a concesión da axuda e, unha vez adquirida a condición de persoa agricultora profesional, mantela ata que finalice este período de compromisos.

b) Comprometerse a ter contratado, e a manter durante todo o período de compromisos, un seguro agrario pertencente ao Plan de seguros agrarios combinados do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, excepto a liña Seguro de retirada e destrución de animais mortos na explotación.

c) Comprometerse a manter a creación de emprego que incrementou a prima básica, durante o período de compromisos.

d) Comprometerse a manter os elementos materiais que formaron parte do volume de gastos que incrementaron a prima base durante o período de compromisos.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de febreiro de 2023.

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MR404A&ano=2023&numpub=1&lang=gl

b) MR405A Axudas para investimentos nas explotacións agrarias.

Requisitos das persoas beneficiarias

Requisitos das persoas beneficiarias de axudas aos plans de melloras para investimentos nas explotacións agrícolas (procedemento MR405A).

1. Ser titular dunha explotación agraria inscrita, polo menos cunha antigüidade dun ano, no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, de acordo co Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, excepto para as persoas mozas que soliciten nesta mesma convocatoria a axuda para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, ou que se produza unha fusión entre diferentes explotacións.

2. Os solicitantes persoas físicas deberán ter dezaoito anos feitos e non ter alcanzado a xubilación.

3. Posuír a capacitación profesional suficiente no momento da solicitude, o cal se acreditará segundo se establece no Decreto 200/2012, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, agás no caso de primeira instalación nesta mesma convocatoria. As persoas xurídicas deberán acreditar que polo menos o 50 % das persoas socias posúe a capacitación suficiente.

4. Comprometerse a exercer a actividade agraria na explotación obxecto da axuda durante, polo menos, cinco anos contados desde a data de pagamento da axuda.

5. Levar a cabo un plan que mellore o rendemento global da explotación.

6. Cando a explotación pertenza a unha comunidade de bens, esta deberá acreditar a súa constitución e que polo menos o 50 % dos comuneiros ou comuneiras reúne os requisitos establecidos para os titulares persoas físicas, e poderá resultar beneficiaria da axuda, coa condición de que cumpra as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. A renda unitaria de traballo, no momento de realizar a solicitude, debe ser igual ou superior ao 35 % da renda de referencia, agás que se trate dun plan de mellora dunha persoa agricultora moza que realice nesta mesma convocatoria unha primeira instalación.

8. Non ter ningún expediente desta axuda aprobado en convocatorias anteriores (PDR 2007-2013 e PDR 2014-2020), sen presentar a súa solicitude de pagamento na data de publicación desta orde.

9. Serán denegadas todas aquelas solicitudes nas cales a explotación non requira un volume de traballo equivalente, como mínimo, a unha unidade de traballo agrario, e non alcance a dimensión física mínima establecida no anexo VI.

c) Non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo (lease-back).

O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de febreiro de 2023

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MR405A&ano=2023&numpub=1&lang=gl

c) MR405B Axudas para o desenvolvemento de pequenas explotacións agrarias.

Requisitos das persoas beneficiarias

Requisitos das persoas beneficiarias de axudas á creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións (procedemento mr405B):

a) Ser titular dunha pequena explotación agraria inscrita, con polo menos unha antigüidade dun ano desde a data de publicación da orde, no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

b) Residir na comarca onde radique a explotación ou nunha comarca limítrofe. No caso de titularidade de persoas xurídicas, estas deberán ter o domicilio fiscal na comarca ou nunha comarca limítrofe.

c) Que o volume de traballo necesario para o mantemento da explotación sexa realizado polo titular da explotación, para o que será necesario que non realice outra actividade a tempo completo, ou que xustifique a contratación de, polo menos, a metade dunha unidade de traballo agrario. Esta cantidade de traballo agrario manterase durante os cinco anos posteriores ao pagamento final da axuda, xunto co resto de compromisos que adquire o beneficiario da axuda.

d) Presentar un plan empresarial que mostre a viabilidade da iniciativa.

e) A explotación non pode ter sido concesionaria por esta mesma submedida en convocatorias anteriores.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de febreiro de 2023

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MR405B&ano=2023&numpub=1&lang=gl
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230126/AnuncioG0426-200123-4_gl.html