SUBVENCIÓN XEMPRE EMPRENDEMENTO

ORDE do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (código de procedemento TR880A).

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das subvencións Xempre Emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresas, incluídas as cooperativas e sociedades laborais, que estean de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2020 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (código de procedemento TR880A).

A finalidade é facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica, a súa competitividade e, en definitiva, manter os empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 1 de xaneiro de 2022 ata a data da presentación da solicitude.

Intensidade da axuda

A contía da axuda terá as seguintes porcentaxes de intensidade en función do rango de investimento total realizado:

a) Con investimentos de 5.000 € ou máis ata un límite de 10.000 €, a contía da axuda será do 60 % do investimento.

b) Con investimentos de 10.001 € ou máis ata un límite de 30.000 €, a contía da axuda será do 50 % do investimento.

c) Con investimentos de 30.001 € ou máis ata un límite de 50.000 €, a contía da axuda será do 40 % do investimento.

d) Con investimentos de 50.001 € ou máis ata un límite de 100.000 €, a contía da axuda será do 30 % do investimento.

Instrución do procedemento

A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 13.00 horas do 4 de outubro de 2022 e será dun mes (tendo en conta o disposto na disposición derradeira segunda), agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.

Período de execución das accións

O período de execución de accións abranguerá desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data da presentación da solicitude.

Os investimentos subvencionables deberán estar realizados no período de execución indicado e as facturas deberán estar emitidas e pagadas nese período.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220930/AnuncioG0656-270922-0004_gl.html
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR880A&ano=2022&numpub=1&lang=gl