PROMOCIÓN E CONSOLIDACIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO

ORDE do 28 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción e consolidación do emprego autónomo no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR341D).

Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:

a) Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

b) Ter iniciada a actividade segundo definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.

c) Desenvolver fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

d) Ter o domicilio fiscal en Galicia.

e) Non ter percibido subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da anterior subvención.

f) Non ter desenvolvido como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas autónomas colaboradoras.

2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.

3. Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

5. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

6. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 4 e 5 anteriores para obter a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable, a excepción do recollido no punto 4.e), que se xustificará de conformidade co disposto no artigo 14.1.

7. As administración laborais competentes nos seus respectivos ámbitos de xestión garantirán o pleno cumprimento do principio de «non causar dano significativo» (principio «do not significant harm-DNSH») e a etiquetaxe verde e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros o 27 de abril de 2021 e no Regulamento (UE) número 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o mecanismo de recuperación e resiliencia, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos.

Contía da subvención

Co obxecto de axudar ás persoas desempregadas ao inicio e ao mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlles ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, establécese para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias de acordo co establecido no artigo 5, segundo a súa situación no momento de inicio da actividade laboral, unha subvención segundo o método de custos simplificados asociado á operación coas seguintes contías:

a) 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.

b) 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:

– Persoas menores de 30 anos.

– Persoas desempregadas de longa duración.

– Persoas desempregadas con discapacidade.

– Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.

A contía base correspondente incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:

a) Se a persoa incorporada é unha muller.

b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

c) Persoas maiores de 45 anos.

d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada.

e) Persoas trans.

f) Profesións e oficios nos que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións que se reflicte na lista que figura no anexo III.

Estes seis incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 10.000 euros.

Aplicarase a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa solicitante, en caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude. Se non queda acreditada a pertenza a ningún colectivo, entenderase que solicita pola contía base mínima.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2022.

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR341D&ano=2022&numpub=1&lang=gl
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211230/AnuncioG0599-281221-0002_gl.html