AXUDAS PARA NOVOS EMPRENDEDORES (GALICIA EMPRENDE)
RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para 2021 en réxime de concorrencia competitiva (Galicia emprende) (código de procedemento IG406F).
Co obxectivo xeral de estimular e impulsar a recuperación do tecido empresarial na Comunidade Autónoma, especialmente tras a negativa influencia socioeconómica da crise do coronavirus, cara a fomentar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego e favorecer a creación de emprego a través da creación de empresas por parte de novos emprendedores, o Igape desenvolve este sistema de apoio a proxectos de ata 400.000 de axuda. Con este programa de axudas preténdese favorecer tamén o reemprendemento e a cooperación interempresarial nas cuestións relacionadas coa xestión, distribución e loxística dos produtos e servizos, tanto na oferta coma na demanda.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas os/as autónomos/as e as pequenas empresas, que realicen unha actividade económica e teñan menos de 42 meses de antigüidade de alta na actividade na data da solicitude da axuda, segundo se establece no artigo 1.
Enténdense incluídas as sociedades mercantís, cooperativas, asociacións e outras entidades con personalidade xurídica propia e as sociedades civís, comunidades de bens e outras entidades sen personalidade xurídica propia sempre que conten con NIF e a súa constitución estea documentada e presentada a autoliquidación do imposto de actos xurídicos documentados.
No caso de entidades, con ou sen personalidade xurídica, a maioría do capital social ou das participacións ten que ser propiedade de persoas emprendedoras, é dicir, que non tiveran actividade económica previa ou esta sexa inferior a 42 meses na data da solicitude, agás os supostos de reemprendemento.
2. No caso de que a entidade que vai desenvolver o proxecto emprendedor non estea aínda constituída, a solicitude de axuda poderá presentarse a nome dunha persoa física. Se a axuda se concedera, o/a beneficiario/a deberá solicitar o cambio de titularidade do expediente a favor da entidade creada xuntando os documentos da súa constitución, que deberá axustarse aos requirimentos destas bases, e no documento de constitución deberá constar expresamente a asunción dos dereitos e obrigas derivados da concesión da axuda por parte da nova entidade.
3. Nos supostos de sucesión de empresa, considerarase actividade emprendedora a realización da actividade empresarial pola persoa ou entidade sucesora inter vivos ou mortis causa sempre que cumpra os requisitos establecidos nestas bases para ser considerada persoa emprendedora. Nestes casos, os 42 meses de antigüidade contaranse dende a asunción efectiva da actividade empresarial pola persoa ou entidade sucesora, o que deberá acreditar documentalmente o/a solicitante.
4. Non poderán ser beneficiarios os establecidos no artigo 4.4 das bases reguladoras.
Os interesados poderán presentar máis de unha solicitude de axuda sempre que sexa para proxectos diferentes. Non obstante, no caso de que todas elas foran concedidas, o importe total de axuda para cada interesado non poderá superar o máximo de axuda de 400.000 euros.
Requisitos principais do proxecto
Serán subvencionables os proxectos emprendedores de creación ou ampliación de pequenas empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia que na data de presentación da solicitude de axuda non teñan máis de 42 meses de antigüidade dende a data de inicio da súa actividade (primeira alta en IAE). Serán subvencionables tamén os proxectos de reemprendemento, entendendo como tal exclusivamente os autónomos que estiveran de baixa continuada de toda actividade económica por conta propia durante un período igual ou superior a 3 anos; nestes casos, os 42 meses contaranse respecto da primeira alta en actividade económica por conta propia inmediatamente posterior á devandita baixa.
Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser técnica, económica e financeiramente viables.
b) Ser proxectos completos, é dicir, a realización dos gastos e investimentos subvencionables debe dar como resultado a posta en marcha da actividade ou a súa ampliación. Non serán subvencionables as fases de proxectos que non sexan completas nestes termos.
c) Deben desenvolverse en Galicia.
d) A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado: considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se ten presentado antes do comezo do proxecto. Ningún dos custos incluídos na solicitude de axuda poderá estar realizado nin comprometido antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. De ser así, o proxecto considerarase non subvencionable na súa totalidade. Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.
Inversións ou gastos computables
1. Serán subvencionables os investimentos e gastos que correspondan de xeito indubitable ao proxecto de creación ou ampliación da pequena empresa. Nomeadamente:
a) Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, suxeitos aos módulos máximos que se achegan como anexo IV, levadas a cabo en instalacións ou terreos propiedade do solicitante ou sobre os que teña un dereito de uso e gozo que permita á realización de obras irrevogable durante 5 anos a contar desde a data de finalización do prazo de execución do proxecto. No caso de que o acordo ou contrato que confire ese dereito sexa oneroso, só poderá formalizarse con entidades non vinculadas ao solicitante.
b) Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.
c) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario. En ningún caso se subvencionarán os vehículos de transporte externo que non teñan a consideración de vehículo especial.
d) Activos inmateriais: activos que no teñen unha materialización física ou financeira, como patentes, licenzas, coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual e páxinas web.
e) A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipo de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os requisitos do artigo 5.
Cando a persoa emprendedora sexa membro da familia do/a propietario/a inicial ou un/ha empregado/a e se faga cargo da pequena empresa para continuar coa actividade, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador. A mera adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.
f) Gastos de persoal de nova contratación.
g) Gastos de alugueiro de locais. Non poderán imputarse custos por este concepto no caso de que a actividade se desenvolva na vivenda da persoa emprendedora.
h) Gastos de contratacións externas de servizos específicos: software de pago por uso, deseño gráfico, identidade corporativa, servizos de asesoramento para a posta en marcha do proxecto empresarial.
i) Os custos do informe de auditor de contas inscrito no ROAC requirido no artigo 17.4.b) 2º ata un máximo de 1.000 euros.
2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade polo beneficiario, admitíndose expresamente, a estes efectos, a obra civil en terreos sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou as reformas de instalacións en inmobles alugados.
3. Os investimentos e gastos terán que realizarse dentro do prazo de execución do proxecto, que abrangue dende a presentación da solicitude de axuda ata a data límite que conste na resolución de concesión. Dos gastos de aboamento periódico, como os de alugueiro ou persoal, consideraranse subvencionables só os períodos de facturación completos que queden comprendidos dentro do prazo de execución do proxecto.
4. O investimento en bens inscritibles nun rexistro público terá que ser mantido, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia durante 5 anos desde a data límite de execución do proxecto establecida na resolución de concesión, e o resto do investimento, durante 3 anos desde a devandita data.
5. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período.
6. Cando o importe do custo subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 euros no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 euros no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante.
7. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda, xuros e gastos financeiros, e taxas.
8. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás o suposto de adquisición de establecemento previsto no apartado 1.e) deste mesmo artigo 5. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades.
9. En ningún caso o custo dos investimentos e gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
Cuantía das axudas
A subvención a fondo perdido será do 80% dos custos subvencionables ata un máximo de 400.000 euros.
O prazo de presentación de solicitude remata o 22 de febreiro de 2021