Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas (financiamento Igape-Pemes)

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG535A).

Beneficiarias

  1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nestas bases as pequenas e medianas empresas, que cumpran os seguintes requisitos:
  2. a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.
  3. b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no anexo I da Resolución (Modalidades de liñas de financiamento).
  4. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.

Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto no artigo 35 e 63 da Lei 9/2007.

Neste caso, a operación financeira deberá estar formalizada a nome da entidade, e deberá ser asinada por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

  1. Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que expresamente se exclúan, se é o caso, para cada liña de financiamento conforme ao recollido no anexo I. En todo caso, exclúense as que de seguido se relacionan:
  2. a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).
  3. b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.
  4. c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.
  5. d) As actividades que implican a utilización de animais vivos con fins experimentais ou científicos.
  6. e) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.
  7. f) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.
  8. g) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352 do 24 de decembro), no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño) e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro).

  1. Non poderán ter a condición de beneficiarias:
  2. a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
  3. b) As empresas en crise. Para estes efectos, terase en conta a definición de empresa en crise establecida nas Directrices sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación Comisión 2014/C 249/01) ou normativa que a substitúa.
  4. c) As entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2020.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200211/AnuncioO92-220120-0001_gl.html

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=IG535A&ano=2019&numpub=1&lang=gl