Hoxe día 28 de novembro de 2019 a Asemblea da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín aprobou por unanimidade a seguinte:

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA MANCOMUNIDADE DE MUNICIPIOS DA COMARCA DE VERÍN SOBRE O ANUNCIO DO PECHE DO PARITORIO DO HOSPITAL COMARCAL.

Fai agora vintecinco anos abríu as súas portas o Hospital Comarcal de Verín, unha infraestrutura que acolle o maior e máis importante servizo público desta comarca, un hospital que leva un cuarto de século influindo positivamente na calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, e onde naceron a inmensa maioría dos habitantes menores de vintecinco anos dos nosos concellos.

Esta semana coñecimos con estupor a decisión do SERGAS de pechar o paritorio do Hospital Comarcal de Verín ao rematar o actual mes de novembro.

Independentemente das razón médicas e técnicas alegadas para esta drástica medida, todos os representantes dos concellos da Mancomunidade, coincidimos en que é unha decisión que non se pode tomar sen ter detidamente en conta outros factores.

A provincia de Ourense, a Comarca de Verín e o medio rural no que se asenta, atópanse desde hai décadas en claro declive por circunstancias económicas, demográficas e xeográficas.

Esta situación esixe con rotundidade unha discriminación positiva para esta comarca por parte de todas as Administracións públicas e, nomeadamente da Xunta de Galicia.

Non é compatible falar de potenciar ou apoiar ao rural, con suprimir un servizo sanitario de semellante trascendencia como é o de que un ser humano nazca no lugar que os seus país escolleron para vivir.

 

Así pois, reunidos hoxe aquí os máximos representantes dos concellos de Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Verín e Vilaredevós, sen distinción de siglas políticas, queremos

MANIFESTAR:

 

O noso frontal rexeitamento á decisión anunciada do peche do paritorio do Hospital Comarcal de Verín, a partir do vindeiro día un de decembro.

A nosa total solidaridade coas mulleres embarazadas e ás súas familias, para que éstas poidan seguir dando a luz no noso hospital.

O noso total apoio aos profesionais da sanidade pública que traballan a se esforzan en manter uns servizos de calidade, e en consecuencia,

DEMANDAMOS DA ADMINISTRACIÓN SANITARIA

 

Que se revoque a decisión anunciada e se manteña e mesmo reforze o actual paritorio do Hospital Comarcal de Verín, buscando a fórmula que permita garantizar a súa permanencia no tempo; e que este mesmo apoio decidido se faga extensivo a cantos outros servizos ou especialidades médicas do hospital así o demanden.

Que os futuros veciños e veciñas da nosa comarca poidan seguir decindo: eu nacín en Verín.